Vistas de página en total

domingo, 31 de mayo de 2015

Sen sentido.

Hoxe voume cruzar cun gato negro,
vou romper espellos, abrir un paraugas
nun sitio cuberto e despois de todo isto
levantareime da cama, co pé esquerdo.
Hoxe vou ser vencido, sen ser á terceira,
vai chover sen que me molle,
voume rompela cabeza.
Fareime, tamén hoxe, un entorse na lingua,
alén dos teus bicos, que me fan ser mixiricas.
Vexo o Sol na madrugada,
a Lúa non existe, tan só é un reflexo,
un nexo entre a vida e o baleiro,
que comeza a sentirse só: sen gravidade e sen medos.
Hoxe o mundo, vai xirar cara o outro lado,
ou mellor dito, vai quedar estancado,
vaise contaxiar do ego humano,
vaise anoxar e vaille mandar ao Sol
que sexa el quen, agora, siga xirando.
E xirando, xirando, ímonos dando voltas,
imos coñecendo todos os espazos,
ímonos mirando polas costas.
Somos, as ganas de xurar,
de facer, de dicir e crear,
o que levamos dentro e queremos ser,
unha imaxe digna da verdade,
que nos guíe e nos ilumine ben.
Hoxe, todo é borralla,
manchada de tinta asasina
que, agochada na burocracia,
como un virus, lento, complica.
Onte deixaba as cousas a medias
sen final, hoxe optei pola rebeldía.
Hoxe digo cousas bárbaras,
verdades como puños e moitas mentiras.
Hoxe é un día imposible,
porque quero vivir pero xa estou vivindo
e non sei por onde comezar.
Non sei andar na terra nin nadar no mar.
Hoxe, xa non estou coma onte,
que non sabía que pensaba
nin pensaba no que quería.
Teño as cousas máis claras
e a ti máis lonxe do que me gustaría.
Hoxe, imos escribir coa boca,
e as fotos, han desaparecer nos momentos.
Imos facelo sen demora
para que este poema que che escribo
non teña argumentos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario